A Universidade de Vigo entrega os premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria 2018

Pontevedra>  A Universidade de Vigo entregou esta mañá os premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria 2018. O acto aproveitouse para conmemorar a figura de María Victoria Moreno, homenaxeada este ano polo día das Letras Galegas.

A Casa das Campás foi o escenario da entrega de galardóns do certame de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria 2018 convocado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Fixéronse cos premios Noa Rodríguez Méndez, na categoría de Poesía, co poemario “As Espiñas do ourizo”; Francisco Javier Fernández Davila, na categoría de relato curto, coa obra K.A.R.M.A.; e Manuel Arca Castro, no apartado de tradución literaria, por “Todos nós”, traslado ó galego da antoloxía de poemas “All of us” de Raymond Carver.

No acto, o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, estivo acompañado polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, que animou ós galardoados a promover a nosa lingua alí onde vaian e sexa cal sexa o ámbito no que desenvolvan a súa profesión.

A cita foi aproveitada para conmemorar a figura de María Victoria Moreno, da que tanto a súa filla coma a profesora Ana Acuña destacaron as súas facetas de defensora da lingua en tempos difíciles e de docente implicada.

A entrega foi amenizada coas regueifas de Josiño da Teixeira e Suso de Xornes, que versaron sobre premiados e asistentes.