PORTAS> A presentación do PortAmérica de Portas foi o primeiro acto oficial do novo presidente da Deputación de Pontevedra. Luis López puxo en valor o traballo conxunto entre o sector privado e as administracións para impulsar na provincia eventos como o que vai acolle-la Azucreira. Entre este xoves e o sábado pasarán por alí artistas do talle de Sebastián Yatra, Bad Gyal ou Nicki Nicole, entre outros moitos.
Portas prende os motores do PortAmérica. O festival arranca este xoves, enchendo de música, gastronomía e moi bo ambiente a localidade durante tres días. Unha vila que recibe o evento cos brazos abertos.
E non é para menos. O desembarco de milleiros de persoas no municipio supón un importante retorno económico na vila.
Esta edición presenta de novo un cartel máis que ateigado de boa música. Sebastián Yatra, Deluxe, Nicki Nicole, Loquillo, Bad Gyal ou MClan son só algúns dos artistas que faran vibra-la azucreira de Portas, aos que se suman tamén artistas do panorama musical galego como Ortiga e Pili Pampín ou Galician Army. De forma paralela, máis dunha trintena de cociñeiros daranlle forma ao Show Rocking.
A Xunta volve ser un dos patrocinadores oficiais do evento. Outro dos patrocinadores é a Deputación de Pontevedra. O presidente provincial, que elixiu Portas para o seu primeiro acto oficial, salientou o traballo conxunto entre o sector público e privado que hai detrás de grandes eventos como este.
O pistoletazo de saída do PortAmérica vai ser este xoves ás seis da tarde con Quirkyoddgirl.