Bamio reivindica que a súa unitaria ‘ten futuro’

VILAGARCÍA> A escola unitaria de Bamio, en Vilagarcía, loita pola súa supervivencia. O centro conta este ano con sete alumnos, pero quere xuntar máis. Coincidindo co arranque do novo curso, a nova mestra pretende concienciar aos veciños das vantaxes da educación neste tipo de escolas.

A todos estes nenos encántalles formar parte da Unitaria de Vilar, na parroquia vilagarciá de Bamio. O centro abriu este curso as súas portas con sete alumnos e con mestra nova. Aproveitando o inicio desta nova andaina, a responsable da escola aproveitou para lanzar unha campaña en defensa deste tipo de escolas rurais.

Vantaxes tamén na formación que reciben os rapaces. Nas unitarias, nenos de distintas idades conviven nun mesmo espazo, algo que no canto de ser contraproducente, incentiva a súa aprendizaxe: os grandes tiran polos pequenos.

Outra vantaxe que reivindica a mestra é o apego que se lle transmite ós nenos polo lugar que os viu nacer. Algo que, segundo nos explica, sirve para coñece-lo mundo que os rodea xa dende ben cativiños.

Esta campaña que puxo en marcha Olaia en defensa das unitarias coincide co arranque do novo curso. Agarda que o seu traballo sirva para algo e que a unitaria de Vilar non corra a mesma sorte que a de Pedroso, tamén en Bamio, que pechou hai xa uns anos.

A mestra tamén demanda máis atención por parte da Xunta. Explica que na maioría dos casos as instalacións son moi antigas e que a súa posta a punto require máis esforzo. No caso desta de Bamio, nos últimos tempos acometéronse varias actuacións. Ela, así e todo, non se resigna: di que o centro ten moitas posibilidades tanto para os veciños da parroquia como para o resto do Concello.