O nihilismo centra a 41 edición da Semana Galega de Filosofía en Pontevedra

PONTEVEDRA> A Semana Galega de Filosofía que se celebra en Pontevedra vai estar dedicada ao nihilismo. Trátase dun pensamento que considera que ao final todo se reduce a nada e que, polo tanto, nada ten sentido. A organización decidiu traer esta doutrina á actualidade denunciando a falta de valores ou incluso o malestar instalado en boa parte da sociedade. Nesta edición participará unha quincena de relatores. Vaise celebrar do 21 ao 25 de abril.

A Semana Galega de Filosofía acada xa a súa 41 edición e faino situando de novo a Pontevedra no mapa mundial do pensamento. Vaise celebrar entre o 21 e 25 de abril, centrándose no nihilismo actual da sociedade, denunciado un estado de ánimo social e individual de falta de valores, desesperanza e desacougo.

O nihilismo considera que ao final todo se reduce a nada e que, polo tanto, nada ten sentido. Nese sentido, a cuestión política tamén estará presente. Por exemplo, da man da pensadora brasileira Márcia Tiburi, autora de ‘Como dialogar cun fascista’, que falará sobre o ridículo político. Tamén se achegará á cidade o arxentino Néstor Kohan.

En total, pola Semana Galega de Filosofía pasarán unha quincena de relatores chegados de distintos puntos do planeta. Un encontro ambicioso que sitúa a Pontevedra como unha gran referencia do pensamento e a crítica.

Un evento que vén avalado pola súa longa traxectoria, con catro décadas de traballo e resposta social ás súas costas.

Unhas xornadas presenciais, todas no Teatro Principal, e pensadas como un evento popular, aberto a todo o mundo.

A programación estrutúrase en mañás, cunha fonda carga filosófica, en tardes, con Galicia como protagonista; e por último noites, pensadas para un público xeral e cun compoñente mais didáctico.