A Xunta aposta por tomar as áreas sanitarias como referencia para o desconfinamento

GALICIA> O paseo dos nenos é a primeira medida de alivio do confinamento, pero está previsto que mañá o consello de ministros aprobe os criterios que marcarán a tan agardada desescalada. A intención do executivo central é que sexa asimétrica, en función da situación da pandemia en cada provincia. Tralo encontro telemático cos presidentes das comunidades autónomas, Alberto Núñez Feijóo defendeu que a apertura sexa por áreas sanitarias en lugar de por provincias.

Que a desescalada sexa por áreas sanitarias e non por provincias. Esta é a proposta defendida pola Xunta de Galicia para o levantamento progresivo do confinamento. Alberto Núñez Feijóo participou onte no sétimo encontro telemático entre os presidentes das comunidades autónomas e o seu homólogo estatal.

O presidente galego aposta tamén por que o goberno central manteña a xestión da pandemia do COVID-19 e a planificación da desescalada con criterios claros, aínda que reclamou que exista unha cláusula de salvagarda territorial para as autonomías.

Outra das propostas da Xunta é o establecemento dunha escala de risco por zonas, así como un desconfinamento segmentado por actividades económicas e con criterios demográficos: maiores de 70 anos, de 15 a 69 e os menores de 14, tendro en conta as patoloxías previas.

Reactivar a automoción, os concesionarios e os talleres con cita previa e os mercados agrícolas e de abastos, é outra das demandas de Núñez Feijóo, que urxiu a establecer un protocolo para que os restauradores e comerciantes poidan preparar a porta pechada a súa reapertura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí