O pontevedrés Alfonso Rueda, novo presidente da Xunta

GALICIA> O pontevedrés Alfonso Rueda, proclamado presidente da Xunta. O popular recibiu a confianza do Parlamento Galego, cos votos a favor do seu partido, que ten maioría absoluta. Tanto BNG como PSdeG votaron en contra. Alfonso rueda recibiu 41 votos do grupo popular. En contra, os 33 que suman BNG e PSdeG.

O candidato popular recibiu un voto menos, o do deputado do PPdeG Pedro Puy, que tivo que abandonar o hemiciclo tras unha indisposición. Na cámara tampouco estaba presente a deputada cambadesa Monste Prado, do Bloque. Con todo, xustificou a súa ausencia e previamente delegou o seu voto en Ana Pontón, a líder da súa formación.

Mañá venres o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, trasladaralle ao rei de España o nomeamento de Alfonso Rueda como novo xefe do executivo galego. O sábado ao mediodía terá lugar a súa investidura. Un día despois, o domingo, dará a coñecer a estrutura do seu novo goberno. Un executivo que celebrará o luns o seu primeiro Consello da Xunta.

Antes desta votación, o Parlamento Galego viviu un intenso debate entre os grupos da oposición e o candidato á presidencia da Xunta. A voceira nacional do BNG, e líder da oposición, tachou a Rueda de ‘presidente accidental’. Fronte á ausencia de proxecto e prospostas do PP, Ana Pontón defendeu estar preparada para gobernar, anunciando incluso as súas primeiras medidas como presidenta. Os socialistas, entre tanto, reivindicou a ‘alternativa socialista’ para liderar Galicia, fronte á ‘vella e esgotada’ proposta dos populares.

A proclamación de Alfonso Rueda como o sexto presidente da Xunta chegou logo de catro horas de debate no Parlamento de Galicia. Nesta segunda xornada do pleno de investidura foron os distintos grupos os que tomaron a palabra.

O BNG reivindicou outro modelo para Galicia, fronte ao goberno do ‘non’ do PP. A súa voceira tachou ao popular de ‘presidente accidental’. Ana Pontón presentouse, ademais, como unha alternativa preparada para gobernar, avanzando incluso algunhas das súas primeiras medidas como presidenta. O candidato popular ironizou sobre o discurso de Pontón, lembrándolle que o que se sometía á sesión de investidura era el e non ela.

O PSdeG tamén aproveitou o debate para defende-la alternativa socialista, fronte a un goberno ‘inoperante e ineficiente’. O seu voceiro engadiu que Rueda non foi capaz de presentar un proxecto de futuro. Considera que o pontevedrés representa unha proposta ‘sen ilusión’ e ‘con fatiga’.

Rueda, pola contra, dixo estar orgulloso do acadado polo PP nos 13 anos de goberno de Feijóo, cos seus acertos e erros. Respondendo a socialistas e nacionalistas reivindicou a liña continuista que promete aplicar.

E nesta liña o voceiro popular defendeu a estabilidade como a mellor herdanza que recibe Alfonso Rueda. Pedro Puy entende a sucesión de Feijóo como un cambio que se axusta á normalidade democrática. E defendeu Pedro Puy a marcha de Feijóo para Madrid, como mostra da descentralidade política de España, na que un presidente de ‘colonias’ é capaz de conquista-la metrópole.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí