Amigos de Ramiro Carregal réndenlle homenaxe coa inauguración dunha escultura

RIBEIRA> Co gallo do seu noventa e un cumpreanos, os amigos de Ramiro Carregal quixeron renderlle unha homenaxe. Unha escultura de catro metros, en forma de veleiro, preside dende hoxe o Náutico de Ribeira. A paixón de Ramiro Carregal polo mar quedará para a memoria nesta escultura en forma de veleiro que os amigos do empresario quixeron agasallarlle polo seu noventa e un cumpreanos. Que mellor lugar para facelo que o Club Náutico de Ribeira do que é socio fundador e presidente de honra. Tamén ostenta a presidencia de honor da Fundación Amigos de Galicia de quen partiu a idea de realizar esta escultura, elaborada con pedra de Rodeiro e mármore traída dende Alicante. Máis aló dunha celebración, este acto quere ser unha merecida homenaxe ó presidente do Grupo Frinsa, pola súa traxectoria no ámbito empresarial pero sobre todo no eido social. É constante a colaboración de Carregal Rey con entidades sen ánimo de lucro que traballan cos máis desfavorecidos así como a súa implicación en todo o relacionado coa cultura e o deporte. Precisamente, no transcurso desta homenaxe Ramiro CArregal Rey fixo entrega á escola de vela de Ribeira dunha nova furgoneta. A multitudinaria asistencia a esta homenaxe deixa constancia do afecto e admiración que esperta o empresario. Rodeado dos seus amigos insisitu en que continuará co seu labor de mecenazgo como legado nesta terra na que naceu e na que dixo agarda morrer o máis tarde posible.