A ‘narcoavogada’ Tania Varela nega calquera relación co narcotráfico

PONTEVEDRA> A narcoavogada Tania Varela senta, por fin, na bancada dos acusados. Hoxe arrincou na Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo contra a cambadesa. Despois de cinco anos fugada da xustiza para evitar entrar en prisión por outra condena, enfróntase a una pena de tres anos e seis meses de cadea por un presunto delito de branqueo de capitais.

Tres anos e medio de prisión. Esta é a pena á que se enfronta a narcoavogada Tania Varela por un presunto delito de branqueo de cartos procedentes do narcotráfico. A Fiscalía ve probado que entre 2005 e 2006 a letrada constituíu unha sociedade mercantil para adquirir terreos e un vehículo con cartos procedentes do tráfico de drogas e ocultar así a súa orixe.

O seu avogado, Bernardino Rodríguez insistiu na inocencia de Varela.

No xuízo o letrado pediu ao tribunal a nulidade das actuacións. Asegura que existen defectos na instrución que vulneran os dereitos fundamentais da acusada, como unhas intervencións telefónicas ao móbil da súa clienta. Bernardino Rodríguez insiste en que non foron autorizadas cunha orde xudicial.

Tania Varela só respondeu ás preguntas do seu avogado. Asegurou que nunca levou casos relacionados co narcotráfico, e que a súa relación co fillastro de Laureano Oubiña, David Pérez Lago, só fora profesional. Pérez Lago, dende o cárcere, tamén referendou esta versión.

Pola súa banda, a Fiscalía entende que a intervención telefónica pertence a outra causa, que a día de hoxe xa conta con sentenza firme do Tribunal Supremo. No 2013, este Tribunal considerou probado que Tania Varela colaborara con organizacións de narcotraficantes, e condeouna a sete anos e medio de cadea. A cambadesa fuxiu entón da xustiza e estivo cinco anos en paradoiro descoñecido. Foi detida en marzo de 2018 en Sitges.