O concello de Ribeira homenaxea a quince traballadores municipais

RIBEIRA> O executivo ribeirense aproveitou hoxe a festividade de Santa Rita para render homenaxe a un total de quince traballadores municipais que cumpren este ano 25 anos de servizo. O salón de plenos do Concello quedouse pequeno esta mañá para albergar o acto de homenaxe a quince traballadores municipais que cumprían este ano 25 anos ó servizo municipal. Foi un acto sinxelo pero emotivo, que estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruíz, e no que os homenaxeados estiveron tamén arroupados por numerosos compañeiros de traballo, así como tamén por representantes dos diferentes grupos con representación municipal que tampouco quixeron perderse esta celebración. Na súa intervención o rexedor agradeceulle a todos o traballo e o esforzo realizado ó longo destes anos. Unha vez entregadas as insignias, os traballadores homenaxeados non dubidaron en facerse a típica foto de familia co alcalde, primeiro nas escaleiras interiores do Concello e posteriormente na propia praza da casa consistorial. Unha imaxe que para eles quedará xa para o recordo.