CAMBADOS> Cambados sae á rúa en defensa do seu centro de saúde. O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés convocaron unha manifestación para o vindeiro 1 de xuño, contra o peche das consultas primarias en horario de tarde no ambulatorio da localidade. Ademais, o goberno local vai lanzar unha campaña informativa sobre a situación do centro de saúde a da área sanitaria do Salnés.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés e o Concello de Cambados unen forzas contra a supresión das consultas de tarde no centro de saúde da vila nos meses de verán. Para amosa-lo seu rexeitamento, van organizar unha manifestación, o vindeiro 1 de xuño, ás 20.30 horas. Partirá da Casa Consistorial e rematará ás portas do ambulatorio da localidade.
O executivo cambadés tamén vai lanzar unha campaña informativa sobre a sobre a situación do centro de saúde a da área sanitaria do Salnés. Para o Goberno Local esta situación é consecuencia das políticas do PP e do seu empeño por desmantela-la sanidade pública. No pasado verán, levouse a cabo un peche semellante, aínda que durante tan só 8 días. Agora a medida vaise estender do 1 de xullo a mediados de setembro, algo que sorprendeu ata ós integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés. Agora o que temen é que se saturen outros servizos, como o PAC da localidade. Un servizo onde tampouco se vai reforza-la atención.
Dende a Plataforma din que este é o enésimo recorte que sofre a sanidade pública na comarca. Temen que non sexa a última, polo que seguirán loitando por un servizo de calidade.