RIANXO> O salón de plenos acollía esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade. Como é costume, estivo presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde, Julián Bustelo.
Nela tomaron parte tamén representantes das forzas e corpos de seguridade do estado, ademais da Policía Local.
A finalidade desta xuntanza era facer balance anual e analizar os índices de delincuencia en Rianxo, cuxa taxa de criminalidade se sitúa en 23 delitos por cada mil habitantes, por debaixo da media a nivel provincial, autonómica e mesmo nacional.
Pola contra si se observa, coma no resto de concellos da provincia, un incremento no número de ciberdelitos.
O alcalde, Julián Bustelo, aproveitou a reunión para planificar e coordinar tamén todas aquelas accións que teñen que ver con tódolos dispositivos de cara a tempada estival.
Na xuntanza a subdelegada destacou tamén que Rianxo é un dos 28 municipios da provincia adherido ó sistema VioXén, a través do cal as forzas e corpos de seguridade fan un seguimento diario a máis de 2.600 casos de violencia de xénero en toda a provincia da Coruña, dos que Rianxo ten 22.