Elnosa trasladará a produción a Torrelavega e fará un segundo ERE

Pontevedra> Elnosa podería cesar a produción de cloro e converterse en comercializadora de produtos químicos. Así o anuncia a compañía lusa CUF, propietaria da factoría. Este cambio débese á imposibilidade de conseguir as licencias para a planta de Lourizán antes da finalización da concesión a finais de xullo. A paralización da actividade produtiva traerá consigo un segundo ERE de extinción.

A CUF, agora Bondalti, propietaria de Elnosa, ten previsto trasladar a produción de cloro á factoría que acaba de adquirir en Torrelavega. A súa intención é  cambiar a produción con mercurio, prohibida por Bruxelas, pola tecnoloxía de membrana. Ante a imposibilidade de renovar a concesión en Lourizán anuncia que marchará a terras cántabras.

Elnosa pasaría a ser comercializadora de produtos químicos. Ante este troco de actividade, ponse sobre a mesa un novo ERE. A dirección  da compañía lusa fala da posibilidade de traslado de persoal á nova factoría. Dende o Comité de empresa aseguran non ter notificación oficial desta situación.

Os traballadores xa solicitaron unha reunión urxente coa dirección e aseguran que intentarán por tódolos medios a permanencia de Elnosa en Pontevedra.

Dende a Xunta de Galicia lamentan a posibilidade de que Elnosa abandone finalmente Lourizán. Así o afirmaba Alfonso Rueda esta mañá en Pontevedra. O vicepresidente do goberno autonómico asegura que pola súa banda fixeron todo o posible por garantir a continuidade de Elnosa.