A Ximnástica de Pontevedra saca a rúa as probas de salto

Pontevedra>O atletismo sairá ás rúas pontevedresas esta fin de semana. Os días 25 e 26 de agosto celebrarase a segunda edición do “Saltar na rúa”, evento co que a Sociedade Ximnástica de Pontevedra saca do estadio as probas de salto.

Salto con pértiga, salto de lonxitude e triple salto. As probas atléticas habitualmente confinadas en espazos pechados saen á rúa da man da Ximnástica pontevedresa, que pretende  con este evento darlle visibilidade á súa labor coma promotores do deporte na cidade dende hai máis de 90 anos.

As probas, que se celebrarán no Paseo de Odriozola, contarán con 5 quendas de ata 20 participantes cada unha. As 3 primeiras o venres a partir das 6 da tarde e as dúas restantes o sábado a partir das once e media da mañá. Na tarde do sábado, a partir das 19:30 terán lugar as exhibicións das diferentes modalidades, nas que poderemos ver a atletas coma o campión de España absoluto de triple salto no 2016, José Alfonso Palomares, ou a saltadora Ruth Marie Ndoumbe, 5ª no campionato europeo de 2014, así como destacados saltadores galegos.

Agárdase superar a cifra de participantes do ano pasado, que foi de 60 atletas.

Nas dúas xornadas haberá actividades para que os máis cativos, nacidos entre o 2002 e o 2010, se inicien nas disciplinas de salto.