PONTEVEDRA> O PSOE de Pontevedra propón que o antigo asilo de Loureiro Crespo se converta nunha residencia universitaria. Os socialistas explican que o inmoble conta ademais cunha ampla zona verde, que se podría abrir á cidanía. No caso do Hospital Provincial, unha vez entre en servizo o Gran Montecelo, propoñen manter os seus usos sanitarios. A formación presentará estas dúas iniciativas no pleno da vindeira semana.
O PSOE de Pontevedra presentará o vindeiro luns no Pleno unha dobre iniciativa sobre o futuro de dous grandes edificios da cidade. Por unha banda, o asilo le Loureiro Crespo. Cren que o ideal sería que o Concello, a Xunta e a Universidade de Vigo negociasen a fórmula para mercalo e convertelo nunha residencia universitaria.
Puentes ve esta opción máis que viable, tendo en conta ademais que non habería ningunha traba dende o punto de vista urbanístico. Engádelle outro aspecto positivo: a zona verde da que dispón na súa parte traseira que, de acordarse entre as partes implicadas, podería abrir ao público.
O voceiro dos socialistas contrapón esta idea coa do PP que aposta por facer esa residencia no Hospital Provincial, unha vez estea operativo o Gran Montecelo. O PSOE, neste caso, aposta por mante-los usos sanitarios deste centro.
Unha opción, apunta Iván Puentes, que serviría tamén para acoller a Facultade de Medicina. E todo, apostando pola recuperación do edificio como un valor patrimonial, prescindindo das construcións innecesarias e gañando para o público unha gran praza ‘do tamaño da Alameda’.
A moción dos socialistas recibiu xa o voto en contra do PP na comisión previa ao pleno. O PSOE fai un chamamento ao de Rafa Domínguez para que poñan por diante dos seus os intereses da cidade.