Pontevedra quere limitar a velocidade das bicicletas nas zonas peonís a 5 km/h

Pontevedra> O Concello de Pontevedra ven de iniciar os trámites para a nova ordenanza de mobilidade. Entre as novidades que se pretenden engadir á actual normativa, está a limitación de velocidade para as bicicletas nos espazos de convivencia cos peóns. Non poderán sobrepasar os 5 km/h. A reacción dos amantes das dúas rodas non se fixo esperar.

A nova ordenanza de mobilidade de Pontevedra, para a que se abre o proceso de consulta veciñal a través da web e a sede electrónica do concello, non tocará o regulado na actual normativa, vixente dende 1989. Sen embargo, engadirá novas normas sobre  a circulación de bicicletas. Estas deberán circular preferentemente pola calzada, e de facelo por zonas de convivencia cos peóns, non poderán superar os 5 km/h.

Dende o colectivo de apoio ó uso da bicicleta, consideran esta medida fóra de lugar, xa que é unha velocidade que superan os propios peóns. Consideran que con esta medida se dificultará a presenza das bicicletas na cidade.

Engaden que se debería retomar a Mesa da Bicicleta, que leva anos sen convocarse, e que sería o lugar adecuado para discutir posibles enmendas á ordenanza.

Dende o Concello lembran que o documento está en fase de borrador, e que é o momento de deixar avanzar ós profesionais que están a traballar na súa redacción. Piden tranquilidade ós que critican a norma e lembra que durante a elaboración da ordenanza  haberá un amplo proceso de participación.