O contrato da auga en Pontevedra será para a empresa Viaqua

Pontevedra> A Mesa de Contratación do novo servizo de abastecemento de auga en Pontevedra propuxo á empresa Viaqua como adxudicataria do contrato. Unha concesión que será para os vindeiros 20 anos e que suma un montante global de 110 millóns de euros. O portavoz municipal dixo, sobre este contrato, que se trataba da mellor xestión en materia económica de investimentos que leva feita o concello.

Viaqua será a empresa concesionaria, por un período de 20 anos, do contrato da auga en Pontevedra. Así o informou esta mañá o portavoz do Goberno quen informou de que os técnicos dixeron que Viaqua xustificara perfectamente a temeridade de modo que as contas casa co proxecto presentado ao concurso. Raimundo González dixo que se sentía especialmente orgulloso deste contrato ao consideralo a mellor xestión en materia económica de investimentos que se leva feito no concello de Pontevedra.

A adxudicataria nun prazo de tres anos ten que executar obras por valor de 58 millóns de euros e ao mesmo tempo ten que pagar un canon de case 8 millóns de euros ao concello para destinar a aquelas obras de abastecemento ou saneamento que se consideren necesarias. González  comparou estes datos co anterior contrato, tamén licitado por 20 anos, e no que as melloras ascenderon a 15 millóns de euros. Tamén, como xa se anunciou, o Concello modificará a ordenanza fiscal en vigor para que, co novo contrato, cada cidadán pague a auga que consuma, eliminando o mínimo que existía ata o momento, quince metros cúbicos.

Este cambio, garantiu González, non supoñerá un aumento na factura dos cidadáns e, pola contra,moitos verán reducido o gasto ao non alcanzar o mínimo que recollía o contrato anterior.Nos próximos días reunirase a Xunta de Goberno local para aprobar esta adxudicación.