O alcalde do Grove pídelle a Portos que acometa unha mellora integral na praza do Corgo

O GROVE> O alcalde do Grove pídelle a Portos de Galicia que acometa unha mellora integral da explanada da praza do Corgo. O espazo cada vez está máis deteriorado, con fochancas, plaquetas rotas e moitos remendos. O concello asegura que rehabilitala custaría 80.000 euros, cartos que reclaman ó ente autonómico porque –segundo din- esa zona é da súa titularidade.

A praza do Corgo é un dos principais puntos de referencia na vida do Grove, tanto para mecos como para visitantes. Pero tanto uns como outros, ó atravesala, teñen que facerlle fronte a numerosos danos: fochancas, plaquetas rotas, desniveis e moitos remendos. O alcalde da vila recoñece o mal estado da zona. Explica que Portos de Galicia é quen ten a titularidade da explanada, polo que insta ó organismo dependente da Xunta a que interveña. Segundo explica o rexedor, esa mellora non superaría os 80.000 euros. Neste punto, o concello podería escoller dous camiños: ou ben solicitar a Portos permiso para que sexa o executivo local o que faga a mellora, ou ben que sexa directamente Portos quen lle teña que facer fronte ó proxecto. Cacabelos aposta por esta segunda opción.

Á espera dalgunha novidade neste asunto, o Concello vai continuar con outras melloras na contorna da praza. Unha delas é o desdobramento da rúa que vai dende a confraría á rotonda das garzas, mellorando tamén as beirarrúas. Despois de meses agardando pola autorización, o proxecto vaise acometer despois da Festa do Marisco. O Concello tamén traballa para instalar nesta zona un parque de skate. Polo de agora, ese proxecto está á espera de recibi-lo visto bo de Portos.