‘As mulleres que opinan’ volven ás súas orixes poñendo o foco no xornalismo feminista

PONTEVEDRA> Xa está en marcha o foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ na cidade de Pontevedra. Un total de 15 profesionais pasarán polo escenario do teatro principal, nunha cita que volve ás súas orixes oito anos despois, poñendo de novo o xornalismo no centro do debate. Esta mañá tivo lugar a inauguración do foro, no que as súas impulsoras, Diana López e Susana Pedreira, reivindicaron a necesidade de apostar por un xornalismo con perspectiva feminista.

Entre hoxe e este sábado, o centro do debate na cidade de Pontevedra sitúase arredor do xornalismo, o xénero de opinión e as súas profesionais. O Teatro Principal acolle a oitava edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Un encontro que logo de explorar distintos eidos nos últimos anos volve ás súas orixes.

Nas dúas xornadas do foro por aquí van pasar 15 profesionais do xornalimos, dende o local ao internacional. Sempre tendo como base a perspectiva feminista.

Coa edición deste ano serán xa as 100 mulleres que opinan que se achegaron a Pontevedra para participar neste encontro. As súas impulsoras reflexionaban hoxe na inauguración do camiño percorrido ata aquí, no que o apoio do público é fundamental.

Un foro que conta tamén con apoio institucional, da man da Deputación e o Concello de Pontevedra.

Ao longo desta primeira xornada pasaron polo principal as xornalistas Aida Bao, da Ser, Inés Martín Rodrigo, do grupo Prensa Ibérica e Radio Nacional, ou a correspondente de TVE en distintas partes do mundo Anna Bosch. Mañá, o foro vaino abrir en clave local a xornalista da Voz María Hermida. Vaino pechar a xornalista de TVE xubilida María Escario para falar de toda unha vida dedicada á información.