Expertos analizan na Illa os diversos aproveitamentos económicos das algas

A ILLA DE AROUSA> As algas cada vez contan con máis aproveitamentos económicos. Un deles é o seu uso na cociña. Na Illa de Arousa celebraron hoxe unha xornada na que se debateu sobre as diversas utilidades. A xornada culminou cunha actividade de divulgación gastronómica.

Para a industria cosmética, para alimentación animal e, por suposto, como experiencia culinaria. As algas cada vez van gañando máis peso na economía como un recurso proveitoso en múltiples sectores. No Instituto de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa, organizaron unha xornada na que se analizou o presente, pero sobre todo, a perspectiva de futuro deste produto. Un futuro que atopa na cociña un dos seus grandes portentos. A versatilidade das algas ou a súa facilidade de transformación está a xerar un gran interese no sector. O cociñeiro meco Javier Olleros foi un dos expertos na materia que se achegou ata a Illa.

Seica moitos consumidores seguen considerando as algas como un produto exótico, a consumir en ocasións especiais. Deshidratadas, en pó, como potenciador de sabor, en ensalada ou como substitutivo das verduras. A versatilidade das algas evidénciase entre os fogóns e para demostralo, un chef do Carlos Oroza, de Pontevedra, preparou no IGAFA unha lasaña. Elaborouno cun papel alimenticio a base de algas.

Na xornada tamén tomou parte a Confraría de Pescadores da Illa de Arousa que, con catorce embarcacións, é o concello da zona onde máis se explota este recurso.