PORTO DO SON> O concello de Porto do Son súmase ó programa ‘Xantar na Casa’. Esta mañá a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinaba co alcalde, Luís Oujo, o convenio que permite a incorporación do municipio a este servizo.
Un total de dez veciños de diferentes zonas do Concello beneficiaranse a partir de hoxe do programa ‘Xantar na Casa’ da consellería de Política Social. A titular deste departamento, Fabiola García, xunto co alcalde da localidade, Luís Oujo, asinaban o convenio que permitirá a posta en marcha deste novo servizo. Na súa intervención a Conselleira destacou o esforzo por parte da Xunta de Galicia para que este programa chegue a tódolos maiores, especialmente a aqueles que viven sós. Ademais de achegarlles unha dieta equilibrada e de calidade, permite levar a cabo tamén unha labor de vixilancia, posto que os maiores manteñen un contacto regular coas persoas que lle achegan as comidas.
O rexedor sonense destacou tamén a importancia desta iniciativa e o feito de que uns dez veciños se poidan beneficiar desta iniciativa.
Porto do Son súmase así a un programa que dá cobertura a uhas 1.500 persoas e que integra xa a 175 municipios de toda Galicia.