PONTEVEDRA> Pontevedra avanza na súa aposta pola industria deportiva. A cidade será a sede do Pontevedra Lab, un laboratorio de investigación e innovación para dar pulo ao emprendemento no mundo deportivo.
Pontevedra converterase nun espazo de investigación, experimentación, desenvolvemento de proxectos e deseño no mundo deportivo. O concello e a consultora Galicia Sportech poñen en marcha o Pontevedra Lab.
Un dos piares deste proxecto é a creación dunha aceleradora de proxectos deportivos. Instalarase nun dos seminarios do Pazo da Cultura e dende alí dará apoio ao emprendemento neste mundo.
O Pontevedra Lab nace apadriñado polo pentacampión do mundo do tríatlon Javier Gómez Noya. El puxo o foco sobre os cambios que se deron nos últimos anos no deporte de elite.
Galicia Sportech e concello traballan tamén na organización dun congreso sobre innovación no deporte. Será os días 13 e 14 de xuño. Polo de momento están a perfilar o programa aínda que xa adiantan que por Pontevedra pasarán grandes clubes e corporacións, así como tamén startups que presentarán na cidade as súas propostas innovadoras.