Un grupo de prescriptores irlandeses visitan estes días a DO Rías Baixas

RÍAS BAIXAS> A Denominación de Orixe Rías Baixas acolle estes días a visita dun grupo de prescriptores procedentes de Irlanda. En concreto, son cinco bloggers de viaxes e estilo de vida. Todos eles amósanse impresionados polas paisaxes e o encanto das adegas e, por suposto, pola alta calidade dos viños que degustaron.

Son cinco, preceden de Irlanda e son voces autorizadas no mundo das tendencias. A Denominación de Orixe Rías Baixas recibe estes días a este grupo de prescriptores, expertos en viaxes e estilo de vida. Son cinco xornalistas, algúns bloggers e outros da prensa escrita. A súa estadía pretende descubrirlles o mundo do viño e todo o que está ó seu redor.

En Irlanda o viño branco de Rías Baixas está de moda entre as mulleres, mentres que os homes seguen apostando pola cervexa. Así que esta campaña vai destinada principalmente a un público feminino. Os prescriptores visitaron varias adegas con encanto e degustaron varios brancos e tamén algún tinto de Rías Baixas. Dos caldos, salientaron a súa alta calidade e a ampla variedade que ofrece a zona. Ademais, a visita estalles servindo para coñecer en profundidade a contorna: ademais de descubrir –por exemplo- a ría de Arousa, achegáronse a varios restaurantes para proba-la gastronomía galega. E todo, para xerar neles unha visión global de todo o que ofrecen as Rías Baixas. Unha perspectiva de conxunto, co viño como eixo condutor.

Irlanda é o sétimo país en exportacións para a DO Rías Baixas. O pasado ano foron para aquel país máis de 210.500 litros de viño. Dende o 2012, o volume de exportacións incrementouse nun 131%.