O “Surfing the Lérez” inaugura as festas do verán pontevedrés

Pontevedra> Arrincan as festas de verán en Pontevedra co primeiro dos seus grandes eventos. O “Surfing the Lérez” reunirá na Illa das Esculturas ós máis roqueiros. Iso será o sábado, 16 de xuño. Pero xa dende o día 13 haberá concertos nas salas El Pequeño e Karma.

O Surfing the Lérez celebra a súa 8ª edición entre os días 13 e 16 de xuño, que será o día forte.

A romaría do rock terá lugar na Illa das Esculturas con actividades de todo tipo que se desenvolverán entre as 12 do mediodía e a 1 da madrugada. Público de tódalas idades poderá desfrutar de teatro, obradoiros, maxia e, por suposto, concertos. Este ano destacan as propostas para os máis cativos, que terán lugar na zona infantil con carpa, e que converten ó festival nunha oferta de ocio para toda a familia.

Ademais dun espazo no que actuarán nenos e nenas, o festival conta con 2 escenarios no que se irán alternando os distintos grupos, todos eles galegos agás Ángel Stanich.

Tocarán Terbutalina, Agoraphobia, The Lácazans, Eladio y los seres queridos, La casa de los ingleses o Furious Monkey House. Tamén actuarán Flip corale, Oh!Ayatoláh, The Trunks, Soul Macklein& Possitive Band, Escuchando Elefantes, The Limboos, Mad Martin Trio e La Duendeta.

Como prólogo do día grande, o día 13 serán os concertos de Fogbound e Esteban e Manuel, na sala karma; e o día 14, será a quenda de The Manueles, en El Pequeño, e de Matt and the Peabody Ducks, na sala Karma. Completará este anticipo do festival unha xornada infantil polas rúas e prazas da cidade o venres 15.

O Surfing the Lérez terá, coma tódolos anos, unha vertente solidaria. A entrada é gratuíta, pero a organización pide ós asistentes que doen alimentos para a Rede Axuda.

Ademais da recollida de alimentos, este ano farán tamén colleita de tapóns a través de La Taponeta Solidaria, que serán entregados a “Amigos de Galicia” para a financiación de tratamentos de nenos con discapacidades.