VILAGARCÍA> Unha vintena de rapaces do Centro de Educación Especial de Vilagarcía viviron hoxe unha xornada moi especial: coñeceron en primeira persoa como funciona a Fundación Amigos de Galicia. Os rapaces aproveitaron para colaborar coa ONG, axudando nesta xornada á clasificación de tapóns solidarios.
Unha mañá diferente e con moi solidaria. Unha vintena de mozos do Centro de Educación Especial de Vilagarcía achegáronse hoxe ata a sede da Fundación Amigos de Galicia para coñece-lo seu funcionamento. Ademais de entregar moitos tapóns solidarios, os rapaces tamén se animaron a clasificalos, botando unha man ás persoas que traballa nesta ONG. A súa solidariedade non remata aí: no centro montaron unha cooperativa na que venden produtos feitos por eles mesmos. Os cartos que recaden irán parar a Amigos de Galicia.
Os responsables de Amigos de Galicia amosaron ós rapaces como funciona a fundación, dende como se fan os paquetes alimenticios, como se gardan os produtos ou como se fai para que os alimentos cheguen a aquelas persoas que o precisan. Unha visita na que os rapaces colaboraron na clasificación de tapóns solidarios. Ademais, coñeceron en detalle as instalacións. O que máis lles chamou a atención, a cantidade de alimentos que se almacenan no seu interior. En agradecemento polo seu traballo desinteresado, a Fundación serviulle a este grupo de voluntarios un almorzo quentiño a media mañá.