Pequenos científicos presentan os seus proxectos en Pontenciencia

Pontevedra> Os científicos máis xoves de Pontevedra expuxeron hoxe os resultados dos seus proxectos en Pontenciencia. A escola de enxeñería forestal acolleu os stands nos que os rapaces e rapazas presentaron as súas investigacións. Tiveron tamén a oportunidade de seguir aprendendo en distintos obradoiros e actividades.

Alumnos e alumnas de centros escolares da cidade presentaron os seus proxectos na feira de miniciencia de Pontevedra, Pontenciencia. 11 centros de primaria e, por primeira vez centros de secundaria, participaron neste evento que ten por obxectivo promover o pensamento científico e investigador nos máis pequenos.

Natureza, robótica, ciencias sociais,… Os rapaces levan todo o ano traballando nas súas investigacións e chega agora a hora de expoñer os resultados ante un xurado, aínda que o máis importante é divertirse coa ciencia.

O alcalde de Pontevedra visitou os stands e destacou a importancia de estimular a imaxinación e a innovación nos nenos e nenas, xa que potencia a súa creatividade e  vai xerando capacidade de emprendemento para o futuro.

Hoxe foi o día dos coles, pero mañá continúa a actividade. Será a ocasión de coñecer os proxectos presentados por familias e ANPAs, e de seguir participando nas actividades, que estarán abertas ó público xeral. Tamén se entregarán os premios. Isto será á unha e media no Salón de Actos de Forestais.