A Deputación reforzará a vixilancia e o servizo de enfermería do Príncipe Felipe polo coronavirus

PONTEVEDRA> Ante esta crise sanitaria, as diferentes administracións comezan a implantar medidas para evitar a propagación do coronavirus. Unha delas é a Deputación de Pontevedra. A institución provincial anunciou esta mañá o peche das oficinas de turismo e das dependencias do Servizo ORAL. Ademais, Carmela Silva chamou a corresponsabilidade de todos os cidadáns e marcou como prioridade a atención do Centro Príncipe Felipe.

A Deputación de Pontevedra pecha as súas oficinas de turismo e as dependencias do Servizo ORAL. Esta foi unha das medidas de prevención contra o coronavirus anunciadas esta mañá pola institución provincial. Ademais, Carmela Silva anunciou hoxe a creación dun Comité de Seguimento da infección. No cal están convidados a participar os integrantes do PP.

A prioridade para a Deputación de Pontevedra será garantir a seguridade do Centro Príncipe Felipe. Por iso, a partir de hoxe reforzarase a vixilancia e o servizo de enfermería. Ademais, a institución provincial solicitou que os rapaces do centro de día que viven unha situación de vulnerabilidade pasen a ser residentes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou esta mañá que se manterá ao lado das administracións competentes co obxectivo de evitar a propagación do coronavirus. Neste eido, Carmela Silva chamou á responsabilidade de toda a cidadanía.

Tras a suspensión da atención presencial ao público, a institución provincial pide á cidadanía que utilice as canles telefónicas e telemáticas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí