Concentración en Pontevedra para esixir o cese da xerencia da área sanitaria

PONTEVEDRA> Concentración en Pontevedra. Os sindicatos CESM Galicia, Comisións de Base e Prosagap manifestáronse hoxe fronte ao Hospital Montecelo para esixir a destitución da xerencia da área sanitaria. Fano tras o brote de coronavirus rexistrado entre o persoal de Urxencias. Un gromo que afecta xa a 12 persoas.

Cese da xerencia da directora de recursos humanos e do equipo directivo da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esa foi unha das demandas máis repetidas hoxe nesta concentración. Un acto convocado polos sindicados CESM Galicia, Comisións de Base e Prosagap para mostrar a nefasta situación que están a vivir os sanitarios. Estes colectivos esixiron o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais e pediron máis medios para facer fronte a pandemia. Ademais, denunciaron a falta de ventilación que existe nalgunhas zonas dos hospitais.

Esta concentración produciuse despois de que se detectase un brote entre o persoal de Urxencias de Montecelo. Polo de agora, son 9 as persoas infectadas: 6 médicos, un residente e dúas enfermeiras. Aínda que outros 2 sanitarios atópanse tamén en corentena.

Tras confirmarse este brote, a xerencia levou a cabo unha limpeza xeral no hospital pero os sindicatos esixen que se reforce aínda máis este servizo.

Con todas estas demandas sobre a mesa, os traballadores aseguran estar fartos da situación que están a vivir nos hospitais dende que comezara a pandemia no mes de marzo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí