A caída dunha muller nun dos estanques marca a estrea da nova praza de Galicia de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Vilagarcía estrea a súa renovada praza de Galicia e faino con polémica: coa caída dunha muller nun dos estanques o sábado, o mesmo día da inauguración, ó sufrir unha escordadura de nocello. Dende o Concello agardan que se trate dun feito illado e que o novo espazo se converta nunha zona para o lecer e o paseo.

A renovada praza de Galicia de Vilagarcía xa é unha realidade. O proxecto supuxo a peonalización da zona e a súa reconversión nun espazo para o paseo e o lecer. O asfalto e os coches foron mudados por vexetación e pola auga, que neste proxecto ten un papel protagonista.

A nova fisionomía da praza caracterízase polos xogos de desniveis e os saltos de auga. Para moitos, un deseño fermoso; para outros, un auténtico perigo para os peóns. O certo é que escasas horas despois de seren inaugurada, a renovada praza foi o escenario dun contratempo: a caída dunha muller a un dos estanques tras sufrir unha escordadura de nocello. Ante esta situación, o Concello recoñece que non descarta no futuro tomar medidas, no caso de que as caídas sexan moi frecuentes. Din que non descartarían instalar unhas varandas, aínda que lembran que en moitos outros puntos de Vilagarcía, como en tantos outros concellos, hai zonas sen varandas nas que non se rexistran incidentes.

A reforza da praza de Galicia tivo un custo de181.000 euros.