A Banda de Pontevedra levará a música ás prazas con “Sons na rúa”

Pontevedra> Dentro do programa das festas de Verán, a Banda de Música de Pontevedra ofrecerá o ciclo “Sons na rúa”. Coas actuacións previstas entre xuño e agosto nas prazas da cidade, pretenden achegar o seu  traballo ó público xeral, cun repertorio actualizado e arriscado que busca sorprender.

Pasodobres do século XXI, sons de Broadway, pezas francesas ou converxencias musicais de distintos puntos do planeta, formarán parte do repertorio da Banda de Música de Pontevedra nas actuacións previstas para o verán nas rúas da cidade.

Co ciclo “Sons na rúa” levarán a lugares emblemáticos da Boa Vila xéneros musicais para tódolos públicos.

O programa de verán, baixo distintas denominacións, vense celebrando dende o 2010. Da o relevo a un exitoso programa de inverno, que levou a música ó Teatro Principal 2 domingos cada mes.

As actuacións chegarán ata agosto, finalizando cun “Man a man” coa banda de música de Salcedo e un espectáculo final adicado á zarzuela, que terá lugar na praza do Teucro.

De forma paralela ás actuacións celebraranse seminarios e encontros con nomeados directores de banda nacionais e internacionais para contribuír á formación daqueles alumnos que se queiran dirixir cara a dirección.

A primeira das citas terá lugar mañá xoves no palco da Alameda, cos pasodobres do século XXI.