PONTEVEDRA> Os libros son os protagonistas desta fin de semana en Pontevedra. Xa está en marcha una nova edición da Festa dos Libros. Dende hoxe e ata o domingo, catorce librarías da cidade están instaladas na Praza da Ferrería cunha representación dos seus catálogos. Tamén haberá sinaturas, encontros con autores e actividades para a cativada.
Os lectores máis ávidos teñen esta fin de semana en Pontevedra unha cita ineludible.
Hoxe comezou a Festa dos Libros. Catorce librarías da cidade están representadas na Praza da Ferrería, achegando unha parte dos seus catálogos aos lectores.
Pero non só se poderán mercar libros cun 10% de desconto. Tamén haberá encontros con autores. Tanto no escenario principal como nos stands das librarías.
Nesta edición hai dúas homenaxeadas. Dunha banda, a editorial Kalandraka, que celebra nesta festa os seus 25 anos de historia.
Da outra, a escritora Fina Casalderrey. Hoxe foron da man nunha das actividades do programa: a autora foi unha das encargadas de poñer voz a un poema de Rosalía, dunha escolma editada por Kalandraka. Acompañada das ilustracións da artista Belén Padrón.
Actividades coma esta para todas as idades repetiranse durante os tres días de festa porque esta fin de semana Pontevedra, máis ca nunca, dá de ler a quen pasa.











