“Convive comigo” busca familias acolledoras para adolescentes con medidas xudiciais

Pontevedra> A Asociación Arela está a buscar familias que axuden coa integración de adolescentes con medidas xudiciais impostas. O programa “Convive comigo” consiste no traballo con mozos con dificultades a quen o xulgado lle impuxo en sentenza unha medida de convivencia cunha persoa ou familia.

O programa “Convive comigo” é unha máis das accións que desenvolve a Asociación Arela para a integración da infancia e a mocidade en risco de exclusión ou en situación de desprotección. Con esta campaña preténdese formar un banco de familias que poidan traballar cos adolescentes os problemas que teñen coas súas familias de orixe.

A acollida destes adolescentes pretende crear un ambiente socializador e positivo que lles permita modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, para que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes. O obxectivo é que poidan ser reintegradas nas súas propias familias cun cambio de hábitos adquirido.

O perfil que se busca son familias ou individuos que teñan unha especial sensibilidade cara os adolescentes, e que estean dispostos a recibir asesoramento. Aínda que non é imprescindible, valorarase a experiencia en acollemento ou formación no ámbito social.

Traballarase de forma individual coas familias acolledoras cando se inicie a convivencia e faranse sesións formativas grupais sobre a adolescencia, a lei do menor ou tipos e situacións de violencia.

As persoas interesadas poden contactar coa asociación a través do teléfono 986212537 ou enviando un correo electrónico a convive@arela.org.