O Consorcio de Comercio e Zona Aberta unen forzas contra o actual sistema de rebaixas

VILAGARCÍA> O Consorcio do Comercio do Salnés e Zona Aberta unen forzas contra o actual sistema de rebaixas nas tendas: piden volver ás rebaixas de toda a vida. Os dous colectivos mantiveron unha xuntanza coa Directora Xeral de Comercio da Xunta na que lle trasladaron as súas inquedanzas.

Son tempos convulsos para o pequeno comercio local. A liberalización de horarios, as eternas rebaixas ou os cambios que trouxo a venda por internet levaron ó Consorcio do Comercio do Salnés a Zona Aberta a unir forzas na procura dun cambio lexislativo que garanta a supervivencia das tendas de proximidade. Ambos colectivos mantiveron unha xuntanza con Sol Vázquez, a Directora Xeral de Comercio da Xunta.

A resposta que lle deu a Xunta ás súas inquedanzas pon todo o peso da decisión dun cambio de normativa na administración do Estado. Os comerciantes din que nesta loita van continuar unidos, facendo forza para gañarlle a batalla ás grandes superficies.

Un dos seus principais cabalos de batalla é que os descontos, promocións ou saldos se acouten a uns determinados límites, tal como se recollía na anterior lexislación. Piden que por lei se regulen unhas datas para poder aplicar este tipo de incentivos.