VILANOVA> Vilanova convértese no primeiro concello do Salnés que abandona as máximas restricións sanitarias. A vila pasa ao nivel básico de alerta. Isto permite á hostalería da vila aumentar a súa capacidade de ocupación e o horario ata as 23 horas. Os veciños xa poderán moverse a calquera concello que se atope na mesma fase.
O concello de Vilanova convértese no primeiro municipio do Salnés que supera as restricións sanitarias. A vila conta hoxe, tras unha nova alta médica, con 12 casos activos polo que o comité clínico de sanidade decidiu que o municipio accedera ao nivel básico de alerta sanitaria. A principal novidade notarase nos locais hostaleiros que aumentan a capacidade das súas terrazas ata os 75% e a dos interiores ao 50%. Ademais poderán abrir ata as 23 horas.
Outras das novidades deste nivel básico de alerta sanitaria é a mobilidade. A veciñanza de Vilanova xa pode desprazarse a calquera outro concello que se atope no mesmo nivel sanitario.
En canto ao resto de concellos do Salnés mantéñense no mesmo nivel de alerta sanitaria. A Illa continúa se restricións, co cal a veciñanza insular poderá desprazarse á localidade veciña de Vilanova. Meis, Meaño e Ribadumia continúan unidos polo peche perimetral e un nivel de aleta medio alto. Nese mesmo nivel atópase Vilagarcía, agora en solitario, con 105 casos activos, 8 máis ca onte. No nivel máximo de alerta atópase Cambados, mantendo os 35 casos activos, O Grove con 41 positivos, un menos que onte, e Sanxenxo con 64, tres máis que no día anterior. Estas dúas vilas mantéñense unidas polo peche perimetral.