Un deseño gráfico elaborado en Cambados, premiado co galardón nacional LíderPack

CAMBADOS> O deseño cambadés ten premio. A empresa Gráficas Salnés acaba de consegui-lo galardón LíderPack por un innovador envase que serve para albergar un catálogo de madeiras no seu interior. O xurado valorou a calidade, innovación e sustentabilidade do proxecto.

Tan importante é o paquete como o que nos podemos atopar no seu interior. Con esta filosofía Gráficas Salnés acaba de facerse co premio nacional LiderPack, un galardón que concede a Asociación Graphispack e que distingue o deseño máis innovador dentro da insdustria do packaging.

O seu proxecto premiado chámase Studio Natur e será empregado por unha empresa madereira para transporta-lo seu catálogo de produtos naturais.

Xunto co seu deseño e calidade, ó xurado gustoulle o concepto da creación: a funcionalidade combínase co espírito do produto que agocha o seu interior.

Chegar ata aquí non é tarefa doada. Ata conseguir o produto definitivo hai que sortear moitas fases dun proceso complexo e no que se ven implicados moitos profesionais.

Este é o primeiro premio que recibe Gráficas Salnés polo seu traballo. Na empresa cambadesa, na que traballan preto dunha trintena de persoas, non agochan a súa satisfacción.

A entrega deste premio terá lugar no vindeiro mes de marzo en Barcelona, no marco do Salón Internacional da Industria Gráfica e a Comunicación Visual ‘Graphispag’.