A Policía Local de Poio estrea novas instalacións

Poio> A Policía Local de Poio estrea instalacións. As novas dependencias sitúanse na rúa Rosalía de Castro, na zona máis poboada do Concello, para atender máis eficazmente ós cidadáns.

A Policía Local de Poio traballa dende hoxe mesmo dende as novas instalacións. O traslado era unha necesidade que viña de lonxe, pola limitación do espazo co que contaban na casa do concello.

As novas dependencias, cunha superficie útil de 200 metros cadrados, contan cun espazo principal de atención o público, unha zona de comunicacións onde se situará a central 112 e todo o referente ás transmisións e unha oficina  para a recollida de denuncias. Nun apartado máis privado, están os  vestiarios e unha sala de instrucións onde se distribuirán os servizos ós axentes e que servirá tamén para formación e para a coordinación con outros corpos e forzas de seguridade. As instalacións complétanse cun armeiro e un almacén.

O cambio de local resposta a unha necesidade de adaptarse tanto ás novas funcións que vai adquirindo o corpo de seguridade coma ó crecemento de poboación que experimenta Poio.

A céntrica localización das dependencias proporcionará un servizo máis próximo ó cidadán, que contará cunha zona de reserva para vehículos que facilitará que poida realizar de maneira máis cómoda as xestións.