Os sindicatos de Correos protestan contra os recortes na entidade

Pontevedra> Os funcionarios de Correos de Pontevedra concentráronse ante a subdelegación do goberno para protestar polos recortes sufridos tanto nos orzamentos do ano pasado coma nos que se están a tramitar no Senado para o ano en curso. Secundan deste xeito as mobilizacións que realizaron hoxe os traballadores do servizo postal en todo o Estado.

Os traballadores de Correos mobilizáronse esta mañá para reclamar unha dotación mínima nos orzamentos do Estado que lles permita cubrir o custo real do servizo que prestan. Esta cantidade, segundo indican, non debería baixar dos 230 millóns.

Dende os sindicatos lembran que o ano pasado se recortaron 123 millóns, e que para este ano está previsto unha baixada de 60 millóns.

Segundo din, esta redución repercute no servizo que Correos presta á cidadanía e nas súas contas de resultados, ademais de afondar na precariedade laboral dos traballadores.

Entre as reclamacións dos traballadores están a financiación do servizo postal universal, que se está descoidando sobre todo no rural por falta de persoal; o desbloqueo dun plan estratéxico que lles permita medrar, actuando nun mercado potencial en crecemento como é o da paquetería; e a activación da negociación colectiva, paralizada dende o 2013, para a aprobación dun novo convenio.

Trasladarán ó novo goberno as peticións que lle viñan facendo o goberno saínte e agardan ser convocados para sentarse a falar.

Se non hai movementos por parte do Estado, están previstas novas mobilizacións a finais de xuño e folgas en novembro e decembro, coincidindo co Black Friday e o Nadal, datas nas que o servizo ten picos de traballo.