Rueda pide o apoio dos pontevedreses: ‘Necesito unha maioría. Non me vale outra cousa’

PONTEVEDRA> Nesta xornada de precampaña, Alfonso Rueda xogou na casa. O candidato do Partido Popular e presidente da Xunta de Galicia celebrou un acto no que pediu o apoio dos pontevedreses. Tras facer un repaso do feito nestes case quince anos de goberno do PP e citar algúns dos seus compromisos coa cidade, Rueda recoñeceu que só unha maioría absoluta lle serve para seguir gobernando na Xunta.

Para Alfonso Rueda o desta mañá non foi un acto calquera de precampaña. O candidato do Partido Popular xogou en casa, pedindo aos pontevedreses o apoio ao seu proxecto.

O tamén presidente da Xunta fixo balance do traballo realizado nestes case quince anos de goberno do Partido Popular. Redución de impostos, vantaxes no transporte público ou a gratuidade da educación infantil, foron algunhas das cuestións que puxo sobre a mesa. Tamén deu cifras dos investimentos que están en marcha en Pontevedra.

Pero como, segundo asegurou Rueda, non se pode vivir de rendas, tamén houbo tempo para falar dos plans de futuro para a cidade. A posta en marcha do Gran Montecelo, converter o Hospital Provincial nunha residencia universitaria, a construción de vivenda pública, a dragaxe do Lérez ou a promoción do emprego, son outros temas para os que comprometeu a atención da Xunta de manterse no goberno.

As rehabilitacións do Pazo de Lourizán ou do convento de Santa Clara son outras das actuacións da Xunta en Pontevedra nas que puxo o foco o candidato popular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí