A igrexa de Vilariño xa conta con aseos públicos

CAMBADOS> A igrexa de Vilariño estrea baños para os seus fregueses. A obra non estivo exenta de polémica, pero finalmente o Arcebispado cedeu ante a insistencia dos veciños para dotar o templo deste servizo. A actuación foi executada polo concello de Cambados, e contou cun orzamento de 6.000 euros.

Os fregueses de Vilariño xa teñen en funcionamento os aseos públicos do templo. Despois dun mes de traballos, o concello de Cambados deu por rematada a actuación.

A obra non estivo exenta de polémica. Ademais da tramitación dos permisos de Patrimonio, o proxecto atopouse coas reticencias iniciais do Arcebispado de Santiago e do párroco de Vilariño. A asociación de veciños O Batuqueiro chegou incluso a organizar unha campaña de apoio a estas instalacións, que conseguiu a sinatura de 800 veciños da zona. Hoxe as trabas iniciais parecían esquecidas por todas as partes.

Os baños públicos realizáronse grazas a unha achega de 6.000 euros do concello de Cambados, e cumpren coa normativa de accesibilidade.

Dende o concello apuntaron que os novos baños darán tamén servizo aos veciños noutros días sinalados, como festas ou outros eventos que se celebren no templo.