VILAGARCÍA> O Festivala volve con forzas renovadas a Vilagarcía. Tralo parón do ano pasado, a cita celebrará este sábado a súa segunda edición, achegando ao público unha programación feminista protagonizada exclusivamente por mulleres. Unha proposta coa que a asociación vilagarciá O Soño de Lilith reclama o espazo que corresponde ás mulleres creativas.
O Festivala volve este ano con novos folgos. A proposta feminista do colectivo vilagarcián O Soño de Lilith celebra este sábado a súa segunda edición, reclamando o protagonismo das mulleres dos espazos dos que foron borradas pola historia.
Este ano mudan Fexdega por dous escenarios. Por un lado, a planta superior da Praza de Abastos concentrará as actividades diurnas. Polo outro, a Praza da Peixería será o epicentro dos concertos e do ocio nocturno. E é que o Festivala vai máis aló dun festival de música.
A programación mantén a esencia coa que naceu. Trátase dunha proposta protagonizada exclusivamente por mulleres, e dende o colectivo O Soño de Lilith están moi satisfeitas da acollida que ten entre a cidadanía.
O Festivala arrincará ás 11 da mañá do sábado coa apertura da feira de artesanía na Praza de Abastos. Presentacións de libros, actuacións musicais, contacontos, ou performance alongarán unha programación que se despedirá pasada a 1 da madrugada dende a Praza da Peixería.