Os motores xa ruxen en Ribadumia coa nova edición da concentración dos Trasnos do Salnés

RIBADUMIA> Ribadumia acende os seus motores. Hoxe arranca, e nunca mellor dito, a novena edición da Concentración Moteira dos Trasnos do Salnés. Este ano a iniciativa trae novidades. Por exemplo, esta mesma noite van organizar unha festa para a xuventude na Carballeira de Ribadumia. O día da grande da Concentración será mañá, cando ata a localidade se achegarán máis de 1.200 moteiros chegados de toda Galicia e mesmo doutras comunidades.

Os motores xa ruxen na Carballeira de Ribadumia. Hoxe bota a andar a novena edición da Concentración Moteira dos Trasnos do Salnés. O evento chega este ano con varias novidades. Unha delas, esta mesma noite: a súa primeira festa da xuventude, con música de dous picadiscos e moita xoldra.

Mañá sábado, a partir das cinco da tarde, terá lugar o evento central da Concentración: a ruta moteira polo Salnés. O xamón será o que mande a partir das 7 do serán de mañá na carballeira de Ribadumia. A partir desa hora, o espazo acolle varias actividades, como xogos populares e, atención, o primeiro torneo de fútbol en burbulla dos Trasnos do Salnés.

O Concello de Ribadumia colabora co evento. Di o alcalde que a concentración moteira serve para dar a coñecer a localidade e fomenta-lo turismo. A convocatoria é aberta a tódolos moteiros que se queiran unir. O ano pasado, por exemplo, acudiron á cita moteiros chegados de Asturias, Andalucia e, por suposto, moitos punto de Galicia. Este ano contan con repetir éxito de participación ou mesmo supera-los 1200 participantes do ano pasado. Aínda que non é precisa inscrición previa para participar, cómpre face-la correspondente reserva para ter dereito ás comidas.