PONTEVEDRA> Dende hoxe xa se pode facer algo tan cotiá como merca-lo cupón da ONCE. Os seus vendedores volven toma-las rúas, protexidos con medidas de seguridade. Nós estivemos en Pontevedra con Ramón, que hoxe volvía instalar o seu stand na rúa Michelena. O seu primeiro cliente da mañá foi o alcalde da cidade.
Merca-lo cupón da ONCE é, para moitos, unha tradición que se repite cada semana. Coa chegada da nova normalidade, os seus vendedores volven pisa-las rúas. É o caso de Ramón, que hoxe, despois de semanas confinado, instalou por fin o seu stand na rúa Michelena. Faino, iso si, equipado con tódalas medidas de seguridade para previr contaxios.
Ramón leva 15 anos vendendo o cupón nas rúas de Pontevedra. Di estar tranquilo co seu regreso á vida cotiá. Confía en que a xente non perdese a ilusión e sigan mercando o cupón da ONCE.
O primeiro cliente que atendeu esta mañá Ramón foi o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores quixo así amosa-lo seu apoio ós traballadores da ONCE que, de novo, volven pisa-las rúas da cidade. Máis alá da ilusión e dos premios que se reparten, o rexedor salienta o seu labor social.
No núcleo de Pontevedra traballan 20 vendedores da ONCE. En toda a provincia, estes sorteos dan traballo a 230 persoas e, no conxunto de Galicia, a 700.