Aval xudicial aos criterios de Pontevedra para limitar o uso turístico das vivendas

PONTEVEDRA> O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a norma que segue Pontevedra para regular a instalación de vivendas de uso turístico. O concello baséase no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal para limitar esta actividade, garantindo que se pode conxugar esta actividade económica co descanso dos veciños. Un aval xurídico que pode sentar precedente e axudar a regular este uso das vivendas turísticas noutros municipios.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala os criterios que se seguen en Pontevedra para limitar as vivendas turísticas. O concello baseáse no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, buscando conxugar unha actividade económica co descanso dos veciños.

No 2019, unha comunidade de veciños da rúa Sagasta denunciou a unha propietaria tras detectar unha vivenda turística nun cuarto piso. Baseándose no seu criterio, o concello ordenou o cese da actividade e a muller recorreu ante a xustiza. Tanto o xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra, primeiro, como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, despois, deron a razón ao goberno local.

Dende o concello apuntan que esta sentenza pode sentar precedente para regular as vivendas de usos turísticos noutros municipios. Na gran maioría dos casos, os gobernos locais optaron por crear ordenanzas específicas.

Contra esta sentenza cabe recurso de casación no Tribunal Supremo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí