O Pleno da Illa desbloquea o proxecto das Casas Modernistas

A ILLA DE AROUSA> A Illa de Arousa segue avanzando no seu proxecto de recuperación das Casas Modernistas para convertelas en espazos culturais. Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que se aprobou por unanimidade o  levantamento da suspensión da licitación da obra, despois de que Patrimonio frease o proxecto. Superado este trámite, a reforma das tres vivendas sairá agora de novo a licitación.

O proxecto de rehabilitación das Casas Modernistas da Illa tenta recupera-lo tempo perdido. Co proceso de licitación xa en marcha, o proceso quedou parado polos reparos que puxo Patrimonio, que obrigaron a reforma-lo proxecto. Esta mañá, a situación desbloqueouse: o Pleno insular apoiou o levantamento da suspensión desa licitación da obra. A proposta dos socialistas contou co respaldo dos populares e do BNG. Agora, con este trámite xa superado, a reforma das tres vivendas sairá agora de novo a licitación. Patrimonio deu o seu visto bo definitivo ó proxecto de rehabilitación das casas despois de que o Concello fixese varias correccións no documento inicial sobre os materiais que se pretendían empregar na obra.

Tanto o grupo de goberno como os da oposición coincidiron na necesidade de axiliza-lo proxecto de restauración dos inmobles. Se todo vai segundo o previsto e se non se produce ningún novo contratempo, as máquinas deberían estar xa traballando nas Casas Modernistas antes de que remate este ano.