Cambados chora pola desaparición dun dos seus veciños no naufraxio do Villa de Pitanxo

CAMBADOS> Cambados chora a morte dun dos seus veciños no naufraxio do Villa de Pitanxo. Miguel Lumbres era de orixe peruana, pero levaba máis dunha década residindo aquí. Foi substituíndo a outro mariñeiro que dera positivo por covid. A localidade gardou esta mañá un minuto de silencio, ao que asistiu o fillo do mariñeiro falecido. Arroupando á familia, ducias de veciños. Entre eles, moitos da ampla comunidade peruana que reside na vila.

A chuvía caía con forza esta mañá durante o minuto de silencio en lembranza das vítimas do Villa de Pitanxo. Entre os mariñeiros falecios hai un veciño da localidade. Trátase de Miguel Lumbres, que deixa muller e dous fillos. Un deles, participaba esta mañá na homenaxe ao seu pai. Con el, o alcalde cambadés.

Samuel Lago aproveitaba para mandar unha mensaxe de apoio a toda a familia. O alcalde, que está en permanente contacto coa Delegación e Subdelegación do Goberno compromete todo o apoio do Concello para a familia nestes momentos.

Miguel era coñecido e querido na localidade. Aínda que de orixe peruana, era un veciño máis deste municipio. Levaba vivindo aquí dez anos, nunha localidade onde reside unha gran comunidade de persoas procedentes do Perú.

E esa unión demostrárona hoxe neste acto. Foron moitos os compatriotas de Miguel que se achegaron ata aquí co rostro desencaixado e as bágoas nos ollos. Ela é Manuela, peruana que tamén vive en Cambados. Aproveita para reclamar máis información do que está a acontecer en Terra Nova.

Pola contra si agradecen o apoio que están a recibir do alcalde de Cambados e de moitos veciños que, de novo, ven como a traxedia golpea a súa vila.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí