SANXENXO> A Deputación e o concello de Sanxenxo irán da man para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial entre Portonovo e A Vichona, coñecida popularmente como a Rúa do Río. O organismo provincial achegará 646.000 euros para este proxecto, valorado en 920.000 euros. Vaise actuar nun treito duns 200 metros onde se ampliarán as beirarrúas, reordenará o tráfico e mellorarán os servizos.
O presidente da Deputación de Pontevedra e o alcalde do Concello de Sanxenxo asinaban este xoves no salón de plenos municipal o convenio para o proxecto de mellora da coñecida como Rúa do Río. O proxecto contempla unha actuación nun treito de 200 metros na estrada provincial EP-9206 entre Portonovo e A Vichona.
Unha intervención valorada nun total de 920.000 euros, dos que o ente provincial achega o 70 %, arredor de 646.000 euros; e o Concello de Sanxenxo, os 277.000 restantes.
O proxecto busca mellorar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade peonil, nun treito moi transitado pola proximidade dun colexio.
No acto, o presidente da Deputación destacou a partida orzamentaria de 40M€ reservada polo goberno provincial para investir este ano na rede viaria da súa competencia.











