CAMBADOS> Cambados busca fórmulas para mante-la actividade no Salón Peña. O goberno local xa solicitou a Portos unha prórroga da concesión dese espazo ata que se modifique a Modificación de Usos Portuarios. O bipartito non descarta recorrer á xustiza no caso de que o ente autonómico desatenda as súas peticións.
O goberno de Cambados ten sobre a mesa varias vías para que o Salón Peña non perda a actividade da que viña gozando nos últimos anos. O bipartito ameaza con recorrer á xustiza, pero mantén esa opción como a derradeira. O executivo xa solicitou a Portos de Galicia unha prórroga da concesión ata que se modifique a actual Delimitación de Usos Portuarios, algo que veñen reclamando no municipio dende hai tempo.
Pero se esta petición non dá resultado, o Concello presentará un recurso de reposición ante Portos. Se iso tampouco serve, levarán o asunto ó contencioso-administrativo.
Porque o goberno local insiste en que a concesión por 15 anos que agora rematou non especifica que as actividades a celebrar en Peña teñan que estar vinculadas en exclusiva co mundo do mar.
O goberno local tamén considera “incongruente” que agora haxa que pedir un permiso específico para cada un dos actos que queiran organizar en Peña, cando outros espazos portuarios do concello, como o Paseo da Calzada, tamén se emprega para actividades de ocio como a Festa do Albariño.