MEIS> A visita do Conselleiro de Sanidade enfadou, e moito, ao goberno de Meis. Hoxe a alcaldesa Marta Giráldez cualificouna de ofensa á veciñanza e recordou que o Partido Popular se opuxera ata o final á compra da parcela da Finca de Parga. No seu lugar, apostaban por construír o novo centro de saúde na Rochela. Giráldez tamén reprochou ao conselleiro os atrasos no proxecto, co compromiso incumprido de licitar o proxecto no ano 2023.
A visita do conselleiro de Sanidade onte ao concello de Meis nun acto de campaña do Partido Popular non sentou nada ben ao goberno local.
Dende a finca de Parga, parcela que acollerá o novo centro de saúde, García Comesaña defendeu que a nova instalación xurdiu a petición da área sanitaria e do Partido Popular de Meis. Unha versión ben diferente á do goberno local.
Giráldez tamén reprochou ao conselleiro o anuncio sobre a adxudicación do proxecto do centro de saúde para os meses de marzo o abril. A alcaldesa recordou que o compromiso da Xunta era dar ese paso no ano 2023.
Para a socialista, o centro de saúde de Meis é un exemplo máis do abandono ao que a Xunta ten sometido ao concello. A mellora da PO-531 ao seu paso polo municipio, a dotación dunha senda peonil que una Paradela e O Mosteiro ou a contratación de médicos para o actual ambulatorio, son outras das demandas meisinas que non foron atendidas.











