A ‘seca prolongada’ preocupa á Xunta, que fai un chamamento para evitar ‘despilfarros’ de auga

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia admite certa preocupación pola situación de seca prolongada que está a padecer todo o territorio. Dende a Consellería de Infraestruturas, fan un chamamento aos concellos e á cidadanía para evitar despilfarros e controlar o consumo de auga.

Galicia non está en alerta pola seca pero a Xunta de Galicia admite que existe certa preocupación. Hai unhas semanas, a Oficina Técnica da Seca do goberno autonómico declarou a situación de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, á que pertence Pontevedra. E o máis probable é que se manteña todo o verán.

A preocupación medra pero, polo de momento, o subministro está garantido grazas ao nivel dos encoros. Así as cousas, dende a Xunta faise un chamamento ao consumo responsable.

Evitar encher piscinas, lavar os coches ou baldear as rúas innecesariamente, son algunhas das recomendacións.

A Oficina Técnica da Seca acordou manter o control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación. Ao estar en situación de seca prolongada, o seguimento é máis detallado e analízanse máis indicadores cunha maior periodicidade. As reunións son cada 15 días e de xeito semanal fanse informes de seguimento intermedio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí