Pontevedra presume de Historias en Braga

262

BRAGA> A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial, Digna Rivas, presentou esta mañá no Teatro Circo da cidade portuguesa de Braga o destino #PontevedraProvincia e a campaña de promoción turística “Somos historias”. No acto de presentación, no que se congregaron un centenar de persoas integradas por turoperadores, axencias e medios de comunicación, participaron o vereador de Turismo de Braga, a vereadora de Cultura da cidade, así como a vereadora de Turismo de Guimaraes e representantes de turismo de Porto-Norte.

Carmela Silva comezou a súa intervención manifestando a vontade de “promover proxectos comúns en materia turística, sumando sinerxías, para avanzar na promoción da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal neste mundo global”.  Deste xeito, a presidenta provincial avanzou na necesidade de conformar paquetes turísticos conxuntos de tal xeito que “as persoas que veñan coñecer a provincia de Pontevedra poidan achegarse ata Portugal e as que veñan a Portugal poidan visitar a provincia de Pontevedra”.