Barro volve brindar nunha multitudinaria edición da súa Festa do Viño

BARRO> Barro recuperou por todo o alto a súa Festa do Viño. Ducias e ducias de persoas déronse cita neste evento no que non faltou a música, a gastronomía e, por suposto, o viño da terra. Tralo parón pola pandemia, a festa recuperou a normalidade coa presenza de máis de 20 marcas amparadas por 16 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Entre elas, as adegas do municipio.

Despois de dous anos, por fin, houbo Festa do Viño de Barro. O evento regresou por todo o alto, con Johnny Güimil como pregoeiro. O músico animou á veciñanza da rúa das Baladas durante o confinamento. Unha tarefa que  lle valeu para que o Concello lle encargase da-los pregóns nas festas do 2020 e 2021 que, finanmente, non se puideron celebrar. Pero nesta ocasión si foi posible. Na súa intervención, palabras de lembranza para as vítimas da covid.

E tralo pregón, a 43 edición desta festa non defraudou. O evento contou coa implicación catro adegas asentadas na localidade  e do sector hostaleiro, que ofreceron os viños da zona a prezos populares. A resposta do público, logo de dous anos, inmellorable.

Ademais, tamén volveron as catas: a dos viños caseiros e tamén o certame da Denominación de Orixe Rías Baixas. Neste caso, participaron 21 marcas amparadas por 16 adegas. ‘Trailará’, de Adegas do Rexurdir, fíxose co primeiro premio; seguido de ‘Sin palabras’, de Adegas Castro Brey; e ‘Moraima’.

O alcalde aproveita para poñe-lo acento nos viños feitos na localidade. Unha tradición, di, que vén de vello, cun bo facer herdado de xeración en xeración.

A festa tamén recuperou a súa programación paralela: houbo sardiñada, actividadades para a rapazada, eventos deportivos e, por suposto, música. Ademais das orquestras, na tarde do domingo polo escenario desfilaron varios artistas da localidade, entre eles o propio Johnny Güimil ou a Banda Xuvenil de Barro. O broche final veu da man de Milladoiro, que volveu tocar neste concello despois de 41 anos.

A última vez que Milladoiro actuou en Barro foi no ano 81 na Festa do Labrego da Asociación O Xestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí